terça-feira, 25 de novembro de 2008
REFORMA NO ACESO A UNIVERSIDADE
Esta nova lei non é máis que outra puñalada no moribundo corpo da universidade pública, xa que fomenta que sexa unha élite urbana a que acceda a universidade. Tamén é unha pala de cal na tumba do galego, que algúns queren enterrar aínda que sigua vivo e con folgos de sobra para mil primaveras máis.
Son dúas as organizacións que están a protestar ultimamente polos dereitos dos preuniversitarios en Galiza, por un lado temos ao SE e p0lo outro aos Comités. Esta última organización ten convocada unha folga no ensino medio para mañá(perdón por non favorecer máis a súa convocatoria, pero é que ando bastante liado). A folga tamén está convocada por GALIZA NOVA e as mocidades da MESA. Sinceramente coido que esta moi mal organizada(xa que non hai convocadas manifestacións) pero é mañá e xa está todo feito, tan só esperar que acudan cantos máis mellor.
quarta-feira, 19 de novembro de 2008
MASIVA ASISTENCIA A FOLGA EN LUGO
Dende primeira hora os piquetes recorreron as facultades animando a saír os poucos alumnos que quedaban e salvo algún que outro esquirol o seguimento foi masivo. O piquete inicial dos comités, duns quince militantes, tornouse nunha marea humana que ia recollendo os estudantes con ganas de loitar. Así e tras un éxito rotundo as clases pecharon e os estudantes foron a manifestación convocada polos comités.
Así as manifestación, que partiu as 12.20 da Intercentros, secundada por AGIR, agrupación estudantil da que viñeron varios militantes. Os mais de cen estudantes comezaron a berrar consignas en defensa dunha educación pública e de calidade polas rúas luguesas cortando o tráfico en lugares tan transitados como Maitins ou a Ronda da Muralla.
Finalmente a manifestación remato fronte ao edificio da Subdelegación do Goberno. A xeito simbólico, varios militantes dos Comités e Agir encadeáronse a porta sen cometer en ningún momento ningunha acción violenta. Sentados e quietos, co apoio de decenas de compañeiros, leron un breve manifesto.
A brutal reacción policial non se fixo esperar, pouco a pouco foron chegando máis e efectivos da policía nacional, a maioría dos cales vestía de paisano cun chaleco policial(o ou nen iso). Sen mediar palabra comezaron a golpear os mozos máis achegados a porta, os rapaces encadeados foron os que máis sufriron o feroz e desmesurado ataque, pero tamén recibiron golpes os compañeiros que trataban de axudalos así como un señor que vendo a carga quixo filmar o desenfreo policial.
Unha vez remata a mostra de forza e comezando a xente a marchar,os policías comezaron a identificar os manifestantes(sobre todo aos homes). Apresaron, amiazaron e tomaron os datos de aqueles que cometeron o delito de recibir un golpe estando sentados ou dos que gravaron a carga para posteriormente denunciala. Pese a que a maioría dos militantes eran dos Comités, o único detido foi un membro de AGIR. Este rapaz, de 16 anos, estaba agarrando a pancarta cando foi golpeado, posteriormente cando xa a xente ía marchando foi reducido e detido por nin mais nin menos que tres policías(iso que non pesaba máis de 60 kilos).
quinta-feira, 6 de novembro de 2008
Folga en todo o país o 19 de Novenbro
Os Comités vimos de convocar para o próximo 19 de novembro unha Folga estudantil nos 7 campus galegos para reclamar un novo plano de financiamento para as universidades galegas que as defenda fronte Boloña e que nos garantice a todas e todos unha universidade verdadeiramente pública e ao servizo da sociedade galega.
+ diñeiro público
A día de hoxe, a porcentaxe de investimento da Consellaría de Educación na educación universitaria é o 0,75% do P.I.B de Galiza; mais agora temos que crer que vai chegar ao 1,5 en 2015, cando nun primeiro momento o obxectivo da Consellaría era chegar ao 1% en 2010.
Porén, os Comités entendemos que o investimento público no ensino universitario non debe ser inferior ao 1,5% do P.I.B galego no ano 2010.
- taxas
Na actualidade, a porcentaxe de participación do estudantado a través das taxas no financiamento universitario supón: na UdC o 13,81%, na USC o 18,21% e na Uvigo o 10,29%.
Nós apostamos pola redución da porcentaxe de participación das taxas no financiamento das universidades até o 5% no ano 2010, non producíndose ningún perxuízo económico para as universidades e beneficiando a moitas e moitos.
+ bolsas
Só o 17% dos estudantes da Galiza están bolsados polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC), primando os criterios académicos sobre os económicos e producindo que unha parte importante do estudantado non teña acceso a unha bolsa que necesita.
Consideramos que é necesario en 2010 pasar do 17% ao 33% os estudantes beneficiaros de Bolsas de Axuda ao Estudo, e elevar do 17% ao 50% os estudantes que teñen exención de taxas por criterios de renda. Alén da asunción da política de bolsas por parte da Xunta a fin de axeitala ás nosas características socioeconómicas propias.
+ aloxamento público
Para garantir un aloxamento público abondo faise necesaria a creación dun ente público composto polas tres universidades galegas, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellaría de Vivenda e Solo para a xestión do aloxamento universitario, que convirta todas as prazas concertadas, subvencionadas e concesionadas en prazas públicas antes do ano 2010. Así como a elaboración dun plano plurianual de aloxamento público universitario que garanta cando menos acceso ao 15% dos estudantes matriculados en cada campus.
+ coordinación
Un apoio económico decidido será imprescindíbel para a xestión integral necesaria do Sistema Universitario Galego (SUG) no que ten a ver coas infraestruturas, aloxamento público universitario, matriculación, investigación, mapa de títulos, promoción...
- despilfarro
Coidamos que para que os cartos de todas e todos nós non os desbalden uns poucos é completamente necesaria a fiscalización e control orzamentario por parte da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
+ calidade
Unha universidade de calidade pasa pola progresiva eliminación da limitación de prazas nas titulacións, nos graos e nos posgraos, a eliminación das probas específicas para as titulacións, a redución das proporcións profesor/alumno. Do mesmo xeito cómpren melloras substanciais tanto en materiais como en infraestruturas.