quinta-feira, 24 de julho de 2008

Mani en Santiago

CAUSA GALIZA CONVOCA AO DÍA DA
PATRIA POLA SOBERANÍA NACIONAL(25 de Xullo as na Alameda as 13:30)


Manifesto de Causa Galiza ante o Día da Patria de 2008


Unha dilatada historia é a que tén o soberanismo galego ás súas costas. Son numerosos os exemplos de loita neste
senso, fundamentadas na consecución do recoñecemento legal da nosa realidade nacional e dun grao de benestar que só será posíbel a partir dun marco xurídico-político propio. Un marco que resolva as carencias, eivas e impedementos que a relación subordinada ao Estado español proxecta sobre as nosas posibilidades reais de desenvolvemento
social, económico e cultural. Ao longo do século pasado, o movemento soberanista galego avanzou a partir da afirmación da Asemblea Nacionalista de Lugo en 1918. Un movemento que foi medrando tamén a partir de outras experiencias e iniciativas, netamente patrióticas, impulsadas a partir da emigración americana, como as posicións arredistas de Habana, ou na terra, nacidas no seo do mundo cultural organizado, de sociedades nacionalistas ou sectores galeguistas e nacionalistas que, na altura dos anos trinta, nucleaban estas ideas.
A resistencia ao golpe de 1936 e o activismo ao longo da dictadura reformularon o soberanismo e situárono en coordenadas socialistas, alicerzando
a semente do que hoxe somos: un pobo que construe o seu futuro afirmando a vixencia das súas aspiracións de soberanía nacional plena. Nós, hoxe, tamén, reclamamos ese marco xurídico-político propio que rache cunha dependencia liquidadora da nosa realidade nacional! Unha reclamación que gaña maior sentido e necesidade vital se tivermos presente o horizonte planetario.

Falsamente integrados e integradas nun autodenominado Primeiro Mundo, a Galiza fica globalizada polo devorador capitalismo, sen posibilidades de elección, ao non contarmos con soberanía política como nación; arrastrados e arrastradas pola uniformización do pensamento, como franca necesidade do sistema de mercado imperante. Un modelo de produción e mercado que procura maiores beneficios na flexibilización, especialmente da forza de traballo,
amoldando á súa medida os mercados nacionais e internacionais e uniformizando valores e pensamento de masas, que se convirten en dogmas aceptados sen resistencia a partir da escola mais elemental.

Na actualidade, a profunda crise sistémica que padece o capitalismo neoliberal pretende reestructurarse incrementando a explotación dos traballadores e traballadoras, con destaque para a poboación inmigrante, e o saqueo dos
pobos. Os recentes conflictos son só un anuncio do que virá. A Galiza ha de ser unha das nacións onde maior incidencia poderá ter esta crise. Carente dunha estructura económica autocentrada, dotada dunha capacidade de decisión ben limitada e politicamente sumida nunha dinámica tanxencial á defensa decidida e rotunda da propria integridade, sobre a nosa terra proxéctase novamente con insistencia a sombra da especulación, do urbanismo sen control, do
uso e abuso do noso litoral para o lucro duns poucos, da aplicación de políticas enerxéticas megalómanas que industrializarán os nosos montes e desvirtuarán a nosa paisaxe, da perpetuación, en definitiva, da nosa condición subalterna
e de povo oprimido.

Tórnase máis necesario que nunca asumir e espallar unha conciencia crítica respeito á realidade que nos rodea. Denunciar activamente as desigualdades sociais que presenta o omnipotente e omnipresente capitalismo, como sistema económico que tén, ademáis, nas súas raiceiras a responsabilidade da privación da nosa soberania, despois de máis de cinco séculos de opresión nacional.

Carecería de rigurosidade algunha pensar que a nosa nación é unha realidade eterna, existente con independencia de abandonarmos o cultivo do propio e tolerarmos as agresións que padecemos. Así, pois, cumpre asumirmos a volta a unha resistencia activa e firme da nosa língua, cultura, territorialidade, meio natural... como cerne dun proceso real de afirmación e autodeterminación nacional. Debemos, pois, hastear unha vez mais a bandeira da estrela vermella.

Son numerosas as frentes abertas na loita pola nosa libertación nacional e social. Causa Galiza, plataforma social ampla e de esquerda en favor da autodeterminación, considera preciso lembrar as reivindicacións do pasado para avanzar firmemente no presente. Abertamente e con decisión. “Resistir para vencer”, ou, o que é o mesmo, “Primeiro, ser, despois, trunfar”.

2 comentários:

Anônimo disse...

ESPAÑA UNA!!!
ESPAÑA GRANDE!!!
ESPAÑA LIBRE!!!

VIVA ESPAÑA!!!!!!!!!

Anônimo disse...

Pouca asistencia na mani. Parece que xa quedamos poucos con iniciativa e carácter reivindicativo.
GALIZA LIVRE E REPUBLICANA!
GALIZA CEIVE!

Avanti Popolo!!