O pasado 11 de xuño, o Consello de Emprego, formado polos Ministros de Traballo de cada un dos Estados que integran a UE, aprobou por maioría a chamada DIRECTIVA DE TEMPO DE TRABALLO que pretende:
1. Poder traballar, como máximo, unha xornada semanal de até 65 horas, con carácter flexíbel, que se regularizará por exceso ou defecto cada tres meses; sen fixar o tempo de descanso entre xornadas laborais, nin límite de horas de traballo ao ano. O que se traballe de máis nunhas semanas, traballarase, supostamente, de menos nas outras.
2. A Directiva estabelece para determinados sectores de servizos, como pode ser a Sanidade, Vixilancia e Seguridade, Condutores de Transporte Público ou Privado... etc, que o período inactivo de traballo que non se preste unha atención continuada non se considere tempo de traballo, por exemplo, durante unha garda médica o tempo que non hai pacientes, ou nos tempos de espera entre servizos para os condutores de autobús.
3. Estabelécese a posibilidade de que na sinatura do contrato o traballador ou traballadora pode “voluntariamente” de xeito individual e con independencia do regulado en Convenio, aceptar a xornada de 65 horas. Eles saben perfectamente que a chantaxe dos empresarios será condicionar a sinatura do contrato a que se acepte a ampliación da xornada.
No Estado Español, a xornada máxima de 40 horas semanais está acordada desde o ano 1979, pero a involución do capitalismo máis salvaxe que domina Europa quere facernos retroceder 200 anos. Queren facernos traballar máis horas e máis barato, evitarán as horas extra e os pluses para os que traballan en fin de semana ou festivos.
Esta Directiva será debatida para a súa aprobación nos próximos meses no Parlamento Europeo, onde a dereita neoliberal ten maioría, polo que parece probábel a súa aprobación antes do mes de decembro. Unha vez aprobada, cada Estado debe adaptar esta norma á súa propia lexislación nun determinado prazo.
Como podemos ver, a Europa que se constrúe non protexe o mundo do traballo nin á clase traballadora. Esta é unha Europa neoliberal que non ten reparos en gastar miles de millóns de euros de diñeiro público de todos os Estados a través do Banco central Europeo, para pagar nesta crise, o despilfarro, a especulación financeira dos bancos e das inmensas fortunas, que agora socializan as perdas pero antes non socializaron as inmensas ganancias. Co noso diñeiro pagan as consecuencias da súa avaricia e logo nos dirán que temos que reducir as pensións, as prestacións por desemprego, a sanidade...
Mobilízate coa CIG o día 7 de outubro
CONCENTRACIÓNS
A Mariña: Ás 11:00 horas no concello de Cervo.
A Coruña: Ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno
Ferrol: Ás 12:00 horas diante do edificio da Xunta de Galiza na Praza de España.
Lugo: Ás 12:30 horas diante da Subdelegación do Goberno.
Ourense: Ás 11:30 diante do edificio sindical
Pontevedra: Ás 12:30 horas diante da Subdelegación do Goberno.
Santiago: Ás 12:30 h na Praza de Galiza.
Vigo: Ás 12:00 horas, saída de diante do pavillón do Berbés.
Fonte: CIG
sexta-feira, 3 de outubro de 2008
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário