As Redes Escarlata, xuntamente cun grupo de poetas da Terra de Iria e de Cambados, non quere deixar pasar por alto un acto tan relevante na historia da resistencia antifranquista, na historia das primeiras luces contra a noite do fascismo.
En 1958 aínda era preciso pedir autorización para falar en público e, especialmente, para facelo en galego. Mais un grupo de resistentes republicanos e galeguistas de Padrón, desafiando o estado das cousas, lograron a través da poesía, da palabra, da cultura, erguer un subliminal pero moi potente fito para a resistencia que ficou para sempre, non só na memoria local de Padrón e da Terra de Iria, tamén na historia política de Galicia.
Na Páscoa de 1957 (festa maior na vila), co carto da emigración padronesa no Uruguai e na Arxentina, inaugurárase o monumento a Rosalía de Castro, en pedra da escola de Asorey. O acto convocara, arredor deste xesto cara a poeta nacional galega, unha multitude famenta. Tralo éxito, o núcleo resistente de Padrón, liderado en boa medida por Camilo Agrasar, Borobó e Octavio San Martín, quixo repetir. Organízanse entón concursos literarios, chámase a Alonso Montero para o pregón e preténdese a coroación poética de Ramón Cabanillas, a vedraia figura insigne, no mesmo escenario, de novo ó pé da estatua de Rosalía. Nos concursos achamos gañadores como Rey Romero, Máximo Sar ou González Alegre. Unha coroación, xa en 1958, resultaba anacrónica. E a figura velliña e ensumida de Cabanillas, que aínda así por patriotismo acudiu ó acto, non convidaba a ningún tipo de esplendor. Pero no Espolón de Padrón a multitude famenta, aínda máis numerosa có ano anterior, volveu persoarse ansiosa. E as autoridades e diferentes convidados, tamén: o Gobernador Civil, alcaldes de Padrón e Compostela, o Abade de Samos (desta volta non asiste Quiroga Palacios).
Introduce o acto Pedret Casado. Fala, en castelán, da obra de Cabanillas. A xente vaise xuntando. Colle agora a palabra Aquilino Iglesia Alvariño para recitar un longo poema dedicado ó “poeta da Raza”. Alta, limpa coma o trigo limpo, elegante, a voz de Aquilino edifica un discurso excepcional sobre o oficio do poeta na sociedade que remata con estes versos:
“Pero aquí está o Poeta das aradas leves do soño,
noso irmán o Poeta das boas novas.
Na ribeira onde se fan os barcos ledos dos soños que non morren,
o seu canto arbora claras bandeiras no mencer”.
A xente apíñase aínda máis en torno ó estrado. Periga o cordón de seguridade cos meniños alí dediante algo abafados. E agora vai falar Otero Pedrayo, na vez de Montero Díaz, que era quen figuraba no programa aprobado polo Goberno Civil. O Sar caudal das chuvieiras longas de inverno non ten a forza desta gorxa. As voltas do río de Padrón, pola veiga de Iria abaixo, son escaso repertorio á beira deste discurso improvisado de media hora. O mar de Corrubedo non brúa nas noites de trebón como agora nesta tarde de primavera brúa no Espolón a voz de Otero. A xente, pampa, despois do asombro e diante da entrega, interrompe o orador con entusiastas aplausos. O seu galego é o de todos e é intensamente literario. Arredor de Rosalía, da Páscoa e de Cabanillas, Otero fala de Galicia, a palabra máis repetida de todas, e ás veces ben afouto:
“Por eso Rosalía é a nosa poeta, por eso Rosalía é aquela que vive dentro do corazón de cada xente e entre o corazón de todos. Nesta Galicia que é áspera, que é dura, que non é a Galicia das tarjetas postales para pasar o verao despois dunha boa digestión, e ver salir as barcas pescantinas con que veñen os turistas. É a Galicia dos pastores, a Galicia dos labregos, a Galicia das lareiras, a Galicia dos poetas, a Galicia dos que sufren, a Galicia dos que esperan”.
Si, esta palabra ponnos de novo no camiño da esperanza. E velasaquí están, unha a unha, elo a elo, as xeracións da Galicia Ceibe: Rosalía de Castro, pedra ergueita e luminosa presidindo todo, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño, os mozos (estes das Festas Minervais: Ferrín, Franco Grande…) ós que acaba de aludir Otero…
As Redes Escarlata queremos facer memoranza deste acto, renderlle homenaxe ós seus protagonistas e ós seus artífices. Por iso o día 12 de abril, ás 8 da tarde, estaremos no Espolón de Padrón, de novo ó pé de Rosalía, e a nosa voz saudará novamente a Cabanillas e volverá decer que Galicia non é unha tarxeta postal e, cando escoitémo-lo final do discurso de Otero, berraremos con el “¡Terra a nosa!”.
Galicia, 8 de abril de 2008
Fonte: http://www.redesescarlata.org/

Um comentário:
Pois si, iso é, muito bem ,eses son a nosa lumieira sempre accesa, "o camiño longo" que sen dúbida ha ter un final e Don Ramón Cabanillas cesará na "dor da terra ferida e escravizada" que é a rosa que máis lle sangra.
"Irmanciña adorada que pasaches o mar... " Como en Irlanda sen dúbida.
Postar um comentário