domingo, 6 de abril de 2008

Novas dende as raices

Na ría de Vigo hai unha illa na que os labregos recollían algas como abono para as súas leiras. Labregos que tamén pescaban, pois vivían de todo un pouco. O outro día, a viúva do Tragamares, unha señora xa moi maior, díxome que me tiña que contar a historia dos presos que levaran a illa. Que ela os vira, pois acostuma a ir recoller algas nunha chalana. Non sei ben o que tal vez me ha de contar, pero máis ou menos xa coñezo a historia.

Tralo estalido da Guerra Civil, que en Galiza ningunha guerra, senón unha serie de asasinatos, por todo o territorio Galego surxiron cárceres destinadas aos partidarios da República , e as cunetas enchéronse de mortos. Unha destas cárceres situouse na Illa de San Simón, na Ría de Vigo, ao carón da Praia de Cesantes. A memoria de todos eses represaliados esta a ser manipulada por diversos partidos políticos, que moitas veces os desprestixian. Onte atopei un manifesto da indymedia en contra dun deses actos manipulados:


“Unha nova mostra máis de incultura e centralismo xacobino vai facer o parvo na praia de Cesantes. Todo sexa polas subvencións!

O Colectivo Republicano de Redondela, o Instituto de Estudios Miñoranos, a Asociación Verbo Xido, o Colectivo pola Memoria Republicana do Morrazo-Cangas pola Memoria, a Asociación pola Recuperación da Memoria do 36 de Vigo, a Asemblea Republicana de Vigo, a Asociación Memoria Histórica 28 de agosto de Cangas,. a Asociación Memoria do 36 de Ponteareas e a Sociedade Galega pola República, xunto cos investigadores Dionisio Pereira, Carlos Meixome, Bernardo Máiz, Xosé Álvarez, Angel Rodríguez Gallardo, Roberto Gil e Gonzalo Amoedo aprobaron o seguinte manifesto:

Ante a noticia de que a madrileña Fundación Domingo Malagón vai inaugurar un monolito no paseo marítimo de Cesantes, fronte a illa de San Simón, na memoria dos presos polo franquismo, as diversas asociacións e personalidades que asinan, comprometidas coa recuperación da memoria antifranquista en Galicia, manifestan a súa repulsa ante o que consideran un acto de "turismo histórico", e puntualizan o seguinte:


1º.- A Fundación Domingo Malagón non contou nin pediu asesoramento ás asociacións da comarca, asesoramento que lle houberan dado sen problema, se o houbesen pedido.

2º.- Dita Fundación vai colocar unha placa nun sitio que non é lugar de memoria.

3º.- A mensaxe que deixarán gravada expón datos que non se corresponden co que foi a realidade do penal.

4º.- A madrileña Fundación Domingo Malagón ignora, supoñemos que de forma inconsciente, se fose conscientemente sería gravísimo, que en Galicia hai unha lingua propia, o galego, falada ou entendida polo 99% da poboación e vai ser inaugurado polo alcalde de Redondela, tan defensor da lingua galega.

5º.- A Fundación vaille dar protagonismo a xentes que están contra a recuperación da memoria. Nomeamos expresamente ao alcalde de Redondela, quen ven dando largas ao asunto de realizar un monumento dedicado aos 21 paseados no Alto da Concheira dende hai 3 anos.
Logo de tantos anos nos que a historia foi pervertida, ignorada e modificada polo franquismo e os seus continuadores, non podemos consentir que agora veñan outros, tocando de oído e en actitude centralista e antidemocrática, que ignora, unha vez máis, que os da periferia tamén existimos, e fabricando unha realidade que nunca foi como pretenden contar e aínda quedan familiares das vítimas coas que poderían contactar. Por último, reiterarnos que o facilitar que xentes de talante antirepublicano, antidemocrático e falsario sexan os que corten as cintas inaugurais é unha perversión ante a que non podemos calar, baixo risco de converter a recuperación da memoria antifranquista nun acto en mans de ruíns e facérmonos cómplices.

Todos os asinantes declinan asistir a tal acto. “

Nenhum comentário:

Avanti Popolo!!