O pasado día 5 de abril, o Concello de Ferrol fechou a Oficina de Turismo sita en Porta Nova, ao final da travesía de As Pías, quedando así un único punto de información turística emprazado no Porto.
Posteriormente, os responsábeis municipais expresaron a súa intención de acondicionar un local no propio centro, concretamente no número 56 na rúa Magdalena para así evitar que o punto de información do Peirao de Curuxeiras se vira desbordado.
Actualmente, aínda que foron inauguradas con leves retrasos neste mesmo verán, xa están funcionando as dependencias do núcleo urbano.
Todo este proceso desenrolouse dunha forma que puxo de manifesto a ineptitude gobernamental e sacou á luz a incapacidade da corporación actual para dirixir os diferentes departamentos que a compoñen.
Xa se viu recentemente como o bipartito PSOE-IU cumpriu as súas “promesas” a modo de estandarte electoral (Praza de España, Canido, Menáncaro, Sartaña, Recimil, etc.) a calquera prezo e co único obxectivo de paralizar os proxectos actuais sen definir uns novos (política de pasividade).
O Concello ven adxudicando xa dende fai anos a entidades privadas a xestión das Oficinas Municipais de Turismo. O propio concesionario das Oficinas de Turismo, Luis Guntiñas, mostrou a súa desconformidade cando anunciaron o feche das instalacións de Porta Nova e recoñeceu que Ferrol non podía ter unha única oficina turística.
Segundo datos do periódico “La Voz de Galicia”, Ferrol mantiña a mediados de abril deste ano unha débeda de 9 meses coa Oficina de Curuxeiras e antes de fechar a de Porta Nova, aínda se lle debía á empresa adxudicataria a metade de 2007.
Plantéxanse por tanto unha serie de dilemas á hora de avaliar as intencións do goberno municipal.
En primeiro lugar habería que preguntar polas intencións municipais de abrir unha oficina na zona do centro cando a meirande parte dos turistas concéntranse nos arredores. A Oficina de Porta Nova concretamente, estaba situada enfronte do Hotel Hesperia e ao rematar unha das entradas principais da cidade, a Avenida das Pías. A todo isto hai que engadir o pésimo servizo que brinda a Oficina de Curuxeiras, que nin sequera dispón de acceso a Internet.
Que levou por tanto ao Concello a fechar unha oficina cun emprazamento inmellorábel? O custo de manter as instalacións vixentes, similar ás que están en desuso, é de 24000 euros anuais. O simple acondicionamento do local do centro, custou 50000 euros. Por tanto, non poden alegar motivos económicos. Por se isto fora pouco, e debido á pésima regulación do tráfico na cidade, é unha ardua tarefa localizar esa oficina por parte das xentes que veñan de fóra. Precisamente unha das finalidades destes recintos é ofrecer mapas aos viaxeiros que aínda non dispoñan de navegación asistida. Na Coruña existe un posto móbil especificamente para iso.
Segundo datos obtidos recentemente de distintas fontes, o Concello planea fechar o vindeiro ano a oficina do Porto, emprazada ao final da AP-9 que actualmente é a principal entrada da cidade.
Lévanos a pensar por tanto, que algún integrante do bipartito, concretamente algún responsábel de Turismo, tiña algún tipo de predilección por inverter na zona do centro e adxudicar de forma fraudulenta a administración turística. Pola nosa parte, seguiremos investigando para tratar de esclarecer estes feitos que, no caso de non ser unha irregularidade, son un despropósito municipal.
Um comentário:
Esta iniciativa foi proposta por grupos independentistas para protexer así á Galiza do Turismo masivo. O PSOE esta vez actuou correctamente.
Postar um comentário